Friday 10 de May de 2024

A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais á Ría de Ares-Betanzos no concello de Cabanas


― O persoal do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, localizou este foco nunha inspección rutineira no dominio público hidráulico do municipio

― As mostraxes tomadas permitiron confirmar a orixe da achega contaminante na fisura dun colector de augas residuais que discorría pola zona da praia da Magdalena

― Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello, que acometeu a reparación do colector municipal

― O persoal inspector verificou recentemente, mediante nova analítica, o cese do vertido ao dominio público

A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais á ría de Ares-Betanzos, no concello de Cabanas.

Os inspectores do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, localizaron este foco no marco das inspeccións rutineiras no dominio público hidráulico do termo municipal.

A inspección levada a cabo e as mostraxes tomadas polo persoal de Augas de Galicia permitiron confirmar a orixe da achega contaminante na fisura dun colector de augas residuais que discorría pola zona da praia da Magdalena, provocando filtracións ao areal.

Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello de Cabanas, que procedeu á reparación do colector municipal.

Nunha nova inspección á zona, o persoal inspector verificou, mediante a toma de mostra na contorna do foco, o cese do vertido á ría.